Estamos de volta! E nada máis e nada menos que para narrar unha pequena aventura nocturna que levamos a cabo 20 ciclistas polos arredores do Pontillón do Castro.
O lugar de partida foi (como xa é habitual) a gasolineira do Burgo, onde cun goteo incesante ían chegando tanto Tiramillas coma outros ciclistas (agardamos que a ruta fose do voso agrado).
Saímos case con puntualidade británica á hora marcada e enfiamos o carril bici ata a beira do Lérez onde xa procedemos á incursión nos nosos montes iniciando a subida por Lerez ata o Castelo. Unha vez chegamos a altura do campo de fútbol do "Pechecho" saimos uns metros por asfalto para afrontar o percorrido de terra xa ata o Pontillón. O obxetivo era realizar un percorrido sinxelo para que ninguén tivese problemas para seguir á grupeta, así que na súa maior parte transcorreu por pista ancha e transitable, sen grandes baixadas nin subidas técnicas.
Como non levabamos un ritmo demasiado alto decidimos modificar un aneco de percorrido sobre a marcha, restándolle un par de quilómetros (de modo que o track que aparece o final non coincide ó 100% co percorrido realizado).
Unha vez chegados ó encoro de Berducido os máis de nós respostaron na fonte, mentres que outros ían comendo os petiscos que tiñan preparados e os menos aproveitaban para recuperar un pouco as forzas despois da subida.
Chegado o momento de retomarmos as monturas, un pequeno reduto emprendía a subida ó Canteiro desde a propia fonte mentres que o resto iniciaba a subida desde o aparcadoiro. Se esta subida xa é moi bonita de día, qué se pode decir dela pola noite... unhas vistas abraiantes e que fan moi levadeira a empinada rampa de terra.
Unha vez arriba tocaba relaxarse coa paz e o silencio que alí reina, así como reunir a forza de todos os focos para podermos alumear unha escena tan artística coma esta que vos deixamos.
A sensación xeral era que o traballo xa estaba feito, só quedaba baixar, o que se antollaba duro por mor do vento que sopraba á madrugada e que facía que algún se maldecira por non ter levado máis roupa de abrigo.
O retorno tiña algo mais de "salsa", con algún tramo estreitiño e rápido entre piñeiros e fentos, pero sen dificultade.
A baixada iniciábase desde Berducido cara o Castelo, e desde alí cara Casaldourado. Tras cruzar a N550, incorporámonos ó camiño de Santiago cruzando un túnel que está ben a vista pero que non todo o mundo sabe que é transitable.
Así, as luces ían discorrendo polos sendeiros abaixo facendo unha almágama de cores brancas e vermellas que acabarían diluíndose xusto onde comezaramos, na gasolineira do Burgo.
Fainos moita ilusión que cada nova nocturna que organizamos supere a anterior en número de participantes. Agardamos que siga con esta progresión, e máis ciclistas se apunten a pasar unha boa noite con nós.
Aquí vos deixamos o track de Wikiloc e unha instantánea do canteiro de regalo, por cortesia do noso compañeiro Borja. Foi feita nos días previos nos que realizamos traballos de limpeza do percorrido.
Sen máis, despedímonos ata a próxima entrada.
http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=10398717






